IES VALADARES

IES VALADARES

lunes, 11 de abril de 2016

VISITA DE MANUEL RIVAS

O cinco de abril, Manolo Rivas, O'Rivas, compartiu connosco dúas horas inesquecíbeis. Engaiolounos, a profesorado e alumnado, co seu xeito de ser e coas súas palabras, que perdurarán en nós moito tempo.



         Transmitiunos amor pola literatura, a necesidade de saber compartir o mundo cos animais ( "a salvaxe compaña"), o respecto á Terra e a valoración da nosa lingua, a lingua galega. Todo isto a través de referencias á infancia, adolescencia e ao momento presente; e a través tamén de múltiplas referencias literarias.

         Vimos nel, e así tamén se autodescribiu, unha persoa á que lle gusta escoitar, explorar: " oír o choro que vén de fóra" " para ser calquera cousa na vida o esencial é escoitar".

         Nós quixemos expresarlle a nosa satisfacción pola súa presenza, recibíndoo cun ramo co " toxo que doura os montes de Galiza"



lembrando así ese momento de 2009 en que el ingresa na RAG cunha flor de toxo na man. A respecto disto, tivemos un momento máxico anterior pois a floraría á que lle fixemos o encargo ( floraría Antoxo en Bouzas) regalóunolo ao saber que era para o noso instituto e para agasallar a M. Rivas.
                                               
         Ao final do acto entregámoslle dous gravados realizados polo alumnado de Plástica con deseños baseados en portadas dos seus libros



         A súa cara de abraio foi suficiente para decatármonos de que lle encantaran. Antes de saír, asinounos o vinilo situado no chan do noso "paseo das estrelas literarias", non sen antes recoller no andel situado á entrada do instituto e que leva por nome: "Cartafol de poesía. O poema da semana" varias copias do seu poema "Fonema" pertencente ao libro Costa da morte blues, co cal traballaramos días antes.





         Por último, O EQUIPO DE BIBLIOTECA AGRADECE A ACTITUDE DO ALUMNADO, QUE ESTIVO Á ALTURA DESTE GRANDE DA LITERATURA.

          Ás e aos que non lestes a Manuel Rivas, recomendámosvos calquera dos seus libros de poesía , narrativa ou ensaio. O noso alumnado leu Madonna e outros contos de inverno, relatos de ¿Que me queres, amor? e d'Un millón de vacas e o poema "Fonema" . Ademais de ver a película "A lingua das bolboretas" .

        Para as persoas que xa non estades en idade escolar, suxerímosvos a lectura  da súa novela máis recente: O último día de Terranova (2015) e o seu último poemario  A boca da terra ( 2015).

.                                                   
            Para @s pequen@s lector@s publicou os contos O sombreiro Chichiriteiro (2009) e O raposo e a mestra (2013).


             En 2015 publicou o poemario A boca da terra.


(Texto de Iolanda Rodríguez e fotos de Anxo Cabada) 

E na prensa tivo o seu reflexo, no Faro na escola, o día 26 de abril de 2016.





No hay comentarios:

Publicar un comentario