IES VALADARES

IES VALADARES

viernes, 25 de noviembre de 2016

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO - 25 DE NOVEMBRO




Queridas compañeiras e queridos compañeiros, no día de mañá, 25 de novembro, queremos sumarnos á denuncia da violencia contra as mulleres a través da creación poética e da creación plástica.
Poñemos á vosa disposición, na entrada do instituto, no andel denominado "Cartafol de poesía", un poema de Marta Dacosta e outro de Helena Villar Janeiro.  
Animámosvos a facer unha recitación na aula, coas vosas titorías ou noutras sesións.
Asemade, na biblioteca, estamos a organizar unha pequena exposición de carteis alusivos ao tema,  elaborados polo alumnado. 
Deixámosvos uns enlaces con material interesante por se queredes usalos na  aula.


Un saúdo. O equipo de biblioteca.

1.-

Non é amor


Por que, nos contos que gardabas, eu era a devorada,
por que, na imaxe do amor puro, a moza estaba morta,
por que, no mito que teciches, urdiches o abandono,
por que, no afán de posuírme, cegaches os meus ollos.

Mírame agora que son silencio, eternidade,
mira o meu corpo branco, case azul na quietude,
son Ofelia de novo aboiando nas augas,
arrastrada na historia dun mundo á túa imaxe.
Ofelia case azul, xa para sempre muda,
inmóbil perfección de obxecto posuído.
Ergue a man, Ofelia, esa man que aínda leva
o sangue, a pel, a proba do delirio covarde.

Como se pode amar o camiño da morte,
como se pode amar o silencio do medo.
Que non, non é amor ese velo de sombra,
non, non é amor a negación do soño,
non, non é amor o desprezo estridente,
non, non é amor a voz que todo cala,
non pode ser amor esa ventá escura,
pois non, non é amor esa porta fechada.

Non te quero máis branca, nin azul, nin silencio,
non te quero aboiando nese río de sombra.
Érguete Ofelia, esperta e renega do conto,
non cegues os teus ollos, que o corpo che pertence,
renega dese mito que mata as túas entrañas,
renega do amor puro que te viste de morte.


MARTA DACOSTA, “Non é amor”, Acuática alma.


2.-

O DESEÑO DAS MANS
      ( Baseado no poema " O deseño das mans" de Helena Villar Janeiro)
Presentámosvos este vídeo, elaborado a partir dun poema de Helena Villar Janeiro, onde manifestamos a nosa solidariedade coas vítimas da violencia de xénero e apostamos pola coeducación como instrumento necesario para erradicar esta lacra social.
O enlace é: http://biblioribeira.blogspot.com.es/2013/11/o-deseno-das-mans.html


No hay comentarios:

Publicar un comentario